DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2024 Páx. 13472

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións para a recepción e decodificación dos sinais de televisión dixital de alta definición en vivendas unifamiliares da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento PR853B).

A Axenda España Dixital 2025 recolle un conxunto de medidas, reformas e investimentos articuladas en dez eixos estratéxicos aliñados coas políticas dixitais marcadas pola Comisión Europea para o novo período. As accións da Axenda están orientadas a impulsar un crecemento máis sustentable e inclusivo, impulsado polas sinerxias das transicións dixital e ecolóxica, que chegue ao conxunto da sociedade, marcándose como un dos seus obxectivos o de garantir unha conectividade dixital adecuada para o cento por cento da poboación, promovendo a desaparición da fenda dixital entre zonas rurais e urbanas (meta 2025: cen por cen da poboación con cobertura 100 Mbps).

Como parte do esforzo da Axenda España Dixital 2025, o Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais da sociedade, a Economía e os Territorios (en diante, Plan para a Conectividade), aprobado polo Consello de Ministros o día 1 de decembro de 2020, contén como medida 14 do seu eixo transversal 5 a mellora das infraestruturas de telecomunicación en edificios. Adoptar medidas de promoción para estes casos suporá aumentar a eficiencia dos despregamentos facilitando así que os servizos dixitais cheguen aos usuarios.

O Real decreto 391/2019, do 21 de xuño, polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da televisión dixital terrestre e se regulamentan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital, modificado polo Real decreto 16/2023, do 17 de xaneiro, establece que todas as canles de televisión, calquera que sexa o seu ámbito de cobertura, deberán evolucionar as súas emisións a alta definición antes do 14 de febreiro de 2024.

Segundo o Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, correspóndelle á Secretaría Xeral de Medios a execución da política xeral da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación e audiovisual e, entre outras, o exercicio das funcións da dotación de infraestruturas no ámbito da comunicación.

En consecuencia, dentro do ámbito das súas competencias, a Secretaría Xeral de Medios regula, mediante a presente resolución, as axudas destinadas á renovación dos equipos e a instalación naquelas zonas de sombra nas que resulte necesario adaptar os televisores ante o cese de emisión en SD.

Estas axudas tramitaranse na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as subvencións serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ostentando o crédito carácter ampliable, en aplicación do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e prevéndose que as resolucións de concesión se poidan ditar sucesivamente a medida que se verifique que a documentación esixida é correcta e se atopa completa.

A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificado pola propia natureza destas e a súa concesión vén determinada polo cumprimento por parte dos solicitantes dos requisitos establecidos.

Así, no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que resulte de aplicación, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas destinadas á execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións para a recepción e decodificación do sinal de televisión dixital de alta definición en vivendas unifamiliares non suxeitas ao réxime de propiedade horizontal que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PR853B), establecidas no anexo I, e efectuar a convocatoria para o ano 2024.

Artigo 2. Financiamento

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461B.780.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma vixentes no ano 2024, destinándose un crédito inicial de 1.200.000,00 euros.

O crédito resultará ampliable e a cantidade inicial poderá incrementarse, sen necesidade de realizar unha nova convocatoria, cando o aumento do crédito derive dalgunha das causas previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas no citado artigo e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Nestes casos, publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral de Medios, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Secretaría Xeral de Medios: https://medios.xunta.gal

b) Sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), introducindo no buscador o código de procedemento PR853B.

c) Teléfono de atención ao cidadán 012.

d) Enderezo electrónico: axudas.medios@xunta.gal

Artigo 4. Réxime de recursos

Contra esta resolución poderá interpoñerse con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Alternativamente, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

Silvia Valdés Díaz de Freijo
Secretaria xeral de Medios

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións para a recepción e decodificación dos sinais de televisión dixital de alta definición en vivendas unifamiliares da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas axudas económicas teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as subvencións, destinadas á execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións para a recepción e decodificación do sinal de televisión dixital de alta definición en vivendas unifamiliares non suxeitas ao réxime de propiedade horizontal que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta Orde establécense as seguintes definicións:

a) T-instalador: instalador ou empresa instaladora de telecomunicacións dada de alta na epígrafe A do Rexistro de Instaladores de Telecomunicación do Ministerio de Transformación Dixital, e distribuidor autorizado do servizo Sat-TDT.

b) T-fogar: vivenda unifamiliar non suxeita ao réxime de propiedade horizontal, nos termos sinalados na Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, que se atopa no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e na que o cidadán ten fixada a súa residencia habitual ou a súa segunda residencia, con anterioridade á presentación da solicitude.

c) Risco de exclusión dixital: situación na que se atopa un T-fogar por non estar incluído nas zonas de cobertura definidas no Plan Técnico Nacional nas que se constatou de forma fidedigna por un T-instalador responsable da adaptación a non cobertura por medios terrestres.

d) Televisión dixital: todos os servizos de comunicación audiovisual televisivos lineais en alta definición HD, en aberto, definidos como servizo público ou licenza de servizo de interese xeral, con autorización administrativa de ámbito nacional, ou o servizo público para emitir no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. As subvencións destinaranse a cubrir investimentos para o receptor Sat-TDT que se realicen en T-fogares situados en zonas en risco de exclusión dixital, para asegurar a correcta recepción e decodificación, polo menos, dos sinais de Televisión dixital dos servizos radiodifundidos en alta definición HD.

2. Para que os investimentos sexan subvencionables deberán ser adquiridos a través dunha empresa instaladora de telecomunicacións T-instalador.

3. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Considéranse gastos subvencionables os que estean efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2024 e o último día do prazo de xustificación que se establece no artigo 16.2 destas bases. Os impostos indirectos que non sexan susceptibles de recuperación ou compensación polo beneficiario considéranse así mesmo gastos subvencionables.

5. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, o custo da actividade subvencionada.

Artigo 4. Contía da subvención

1. O importe máximo da axuda para adquirir o receptor Sat-TDT para T-fogares de vivenda habitual será de 400,00 euros; por cada T-fogar de segunda residencia o importe máximo será de 200,00 euros.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

As ofertas comerciais que se realicen ao abeiro das presentes axudas deberán, como mínimo, ser equiparables a aquelas que a mesma empresa empregue na súa comercialización á marxe destas axudas.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderán resultar beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as persoas físicas que residan nun T-fogar en zonas en risco de exclusión dixital con anterioridade á data de presentación da solicitude.

2. Unicamente poderá solicitarse unha subvención por cada T-fogar.

3. Non poderán resultar beneficiarias as persoas en quen concorra algunha das prohibicións establecidas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Competencia

A competencia para resolver o procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios, de acordo co establecido na disposición adicional primeira, 1.c), do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Orde de prelación

Tratándose dunha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as solicitudes resolveranse por orde de rexistro de entrada.

Non obstante, naqueles supostos nos que se lles requira aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, de ser o caso, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data na que o dito requirimento estea correctamente atendido.

Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de maio de 2024.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude presentada non reunise algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude:

a. Un Informe do T-instalador no que se inclúa a localización do domicilio mediante unha ortofoto do Sixpac escala 1:2000, o orzamento da actuación pola que se solicita a axuda e a xustificación da situación en risco de exclusión dixital.

b. Adicionalmente, as persoas interesadas que soliciten axuda para a segunda residencia deberán presentar a páxina da última Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas na que consten as rendas de inmobles a disposición dos seus titulares. Esta documentación poderá ser substituída por calquera outra que acredite a segunda residencia.

c. De ser o caso, documentación fidedigna acreditativa da representación.

2. A documentación sinalada na letra a) do punto anterior non será necesaria no caso de que a persoa interesada xa realizase a actuación e presente a seguinte documentación:

a. As facturas xustificativas da actuación co número de serie do equipo receptor, expedidas de acordo co disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, e acreditación do pagamento mediante recibín do provedor, transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada.

b. Documentación que inclúa o número de serie do equipo receptor obxecto desta axuda, agás que este número se incorpore na correspondente factura.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) No seu caso, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día das obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado acreditativo de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, emitido pola Axencia Tributaria de Galicia.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas, emitido pola Intervención Xeral da Administración do Estado.

g) Concesións de subvencións e axudas, emitido pola Intervención Xeral da Administración do Estado.

h) Datos de residencia con data da última variación padroal.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos; os certificados das letras c), d) e e) do punto anterior poderán ser substituídos pola declaración responsable da persoa interesada de estar ao corrente de pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma (anexo II).

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. A unidade administrativa competente para a instrución deste procedemento de concesión das subvencións é a Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación de Medios, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse ao solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que puidese resultar necesario para a tramitación e resolución do procedemento.

3. O órgano instrutor poderá solicitar informe á Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia sobre aspectos técnicos das solicitudes presentadas.

Artigo 14. Resolución

1. O órgano instrutor remitirá a proposta de resolución ao titular do órgano competente en materia de medios, o cal ditará a correspondente resolución.

A resolución motivarase de conformidade co establecido nestas bases reguladoras, concedendo ou denegando a axuda, e expresará, polo menos, a súa contía, e de ser o caso, a causa da denegación.

2. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente ou de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que esixe o artigo 9 da presente resolución é correcta e está completa.

O órgano instrutor elevará as sucesivas propostas de concesión á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios da Presidencia da Xunta de Galicia, quen resolverá.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas polo titular do órgano competente en materia de medios de comunicación porán fin á vía administrativa, polo que, contra elas, poderán os interesados interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se a resolución non fose expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa nos termos que se establezan na resolución de concesión, nun prazo de 1 mes a partir do seguinte ao da súa notificación. Este prazo de xustificación non poderá en ningún caso exceder do 30 de novembro de 2024.

2. O pagamento da axuda quedará condicionado á presentación da seguinte documentación e a comprobación dos seguintes extremos:

a) As facturas xustificativas da actuación, expedidas de acordo co disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) Acreditación do pagamento das facturas correspondentes, nos termos que se indican no artigo 9.2.a.

c) Documentación que inclúa o numero de serie do equipo receptor obxecto desta axuda, agás que este número se incorpore na correspondente factura.

d) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao corrente de pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante se opuxese á consulta ou denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Tesourería Xeral de Seguridade Social, a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

Esta certificación poderá ser substituída por unha declaración responsable, acreditativa de estar ao corrente de pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma (anexo III).

e) Declaración responsable, debidamente actualizada, de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria das axudas recollidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

f) Declaración responsable comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas das distintas administracións públicas para esta mesma finalidade (anexo III).

g) Escrito de aceptación expresa da axuda (anexo III). Se non se produce manifestación expresa no prazo establecido na resolución de concesión entenderase tacitamente aceptada.

3. No caso de que o beneficiario xa presentase coa solicitude a documentación sinalada no artigo 9.2 destas bases, o pagamento da axuda quedará condicionado á comprobación dos seguintes extremos:

a) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao corrente de pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante se opuxese á consulta ou denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Tesourería Xeral de Seguridade Social, a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

Esta certificación poderá ser substituída por unha declaración responsable, acreditativa de estar ao corrente de pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma (anexo III).

b) Declaración responsable debidamente actualizada, de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria das axudas recollidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

c) Declaración responsable comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas das distintas administracións públicas para esta mesma finalidade (anexo III).

d) Escrito de aceptación expresa da axuda (anexo III). Se non se produce manifestación expresa no prazo establecido na resolución de concesión entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, e en todo caso nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios de comunicación, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o que achegarán canta información lles sexa requirida.

c) A dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento da actuación pola Xunta de Galicia.

d) A acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das circunstancias ou causas de prohibición para a obtención de axudas, previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nin ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) A comunicarlle ao órgano competente en materia de comunicación, no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

g) A cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) A xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

i) A conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 18. Compatibilidade

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria de titularidade da Xunta de Galicia que corresponda, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

Artigo 20. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Secretaría Xeral de Medios ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Modificación da resolución e reintegro das subvencións

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde o reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1 n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda ao dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non regulado nas presentes bases estarase ao previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

4. Resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file